Sunday 19 de May de 2024

Policía Autonómica e Policía Nacional reforzan a súa colaboración na protección das vítimas da violencia de xénero


O responsable da UPA e da Policía Nacional en Galicia asinaron un protocolo operativo para a coordinación de actuacións e a cooperación entre ambos corpos

O comisario xefe da Policía Autonómica, Silverio Blanco, e o xefe superior de Policía de Galicia, Manuel Vázquez, asinaron esta mañá na Coruña un protocolo operativo para a coordinación de actuacións e a cooperación entre ambos corpos policiais en materia de violencia de xénero.

A sinatura deste protocolo é a culminación dun proceso de incorporación da UPA ás funcións en materia de violencia de xénero e protección das vítimas, que se iniciou en outubro de 2015, cando o vicepresidente da Xunta asinou co ministro do Interior un protocolo de cooperación e coordinación entre ambos departamentos.

O documento asinado hoxe por ambos mandos determina o marco operativo da colaboración, así como aquelas casuísticas concretas que poidan xurdir na práctica de traballo diaria entre funcionarios policiais de ambos corpos. Unha vez asinado o documento, os axentes da UPA comezarán a desenvolver, de xeito gradual, as funcións de protección das vítimas de violencia machista.

O número de vítimas a protexer por parte da Policía Autonómica incrementarase progresivamente ata acadar a cifra aproximada de 215 entre as seis sedes coas que conta esta unidade policial. Está previsto que pasen a prestar este servizo ao redor de 85 policías da UPA, incluíndo tanto aos que se dedicarán de maneira exclusiva como a aqueles que prestarán apoio prioritario, o que supón preto do 20 por cento da Unidade. O grupo que vai prestar o dito servizo integrarase dentro da área xa existente de Violencia Intrafamiliar e Menores.